Arde un camión cargado de cartón en Praceres
Por Redacción & Diego Torrado
Un camión cargado de cartón quedou totalmente calcinado tras sufrir un incendio mentres circulaba pola PO-546, entre Pontevedra e Marín, á altura de Praceres.
Segundo informou o 112 Galicia, o suceso produciuse á altura da gasolineira de Praceres sobre as dez da noite.
Nese momento, por razóns que se descoñecen o camión prendeu lume e acabou calcinado incluída a carga, fundamentalmente cartón.
Os bombeiros extinguiron o lume e, por fortuna, ninguén resultou ferido polo incendio.
Ao lugar tamén se desprazou persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para limpar a zona e restablecer as condicións de seguridade na vía.