Contra vento e gaivotas, o DROM retrata os restos das escavacións de Valentín García Escudero
Por Anxo Lourido
Un mozo achégase ata a praza de Valentín García Escudero e, ao ver o robot con forma de araña, pregunta:
- Canto custa ese bicho?
O bicho é unha máquina voadora que emprega a tecnoloxía DROM para realizar fotografías aéreas. Técnicos de Enmacosa encárganse de dirixir o aparato a través dun control a distancia e baixo as indicacións do arqueólogo municipal Xoán Carlos Castro que indica que se están a facer fotografías desde puntos de vista cenitais que, ata agora, non conseguiran dos restos do depósito da praza García Escudero: "aínda que o tiñamos moi ben documentado antes de soterralos é a última oportunidade de documentalo dende un punto de vista urbano porque en xeral son fotografías para utilizar dende un punto de vista divulgativo. Enténdese mellor o porto arqueolóxico e medieval se o insertas na trama urbana actual que empregando unha perimetría".
A pesar do día claro, perfecto para realizar as fotografías, o vento complicou o traballo. Pero non foi o único escollo. As gaivotas encontraron no aparato un inimigo inesperado cando se aproximou aos tellados dos inmobles próximos e voaron ao seu arredor dificultando o seu traballo.
Este traballo compleméntase cun levantamento tridimensional que a través dun escáner láser recolle un cento de millóns de puntos e consegue reconstruír o espazo de xeito virtual para velo dende calquera perspectiva. Este proceso levará varios días, segundo comentaba o técnico de Enmacosa, Rubén Cifrián.
Ao longo dos próximos dous meses está previsto que remate a cubrición de preto do 40 por cento dos restos destas escavacións. Xoán Carlos Castro sinala que os achados serán cubertos cunha manta geotextil, de maneira que queden totalmente illados para que se conserven perfectamente.