Os farmacéuticos de Pontevedra sensibilizan á poboación sobre o lupus
Por Redacción
Con motivo do Día Mundial do Lupus, que se conmemora o 10 de maio de 2018, as farmacias de Pontevedra inician unha campaña de sensibilización do lupus dirixida á poboación, organizada polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra e a vocalía de Vigo da Asociación Galega de Lupus, AGAL.
O lupus é unha enfermidade autoinmune cuxa causa real é descoñecida, aínda que pode existir certa predisposición xenética e sobre a que poderían actuar diversos factores desencadenamentos.
Pode afectar a moitas partes do corpo, incluíndo as articulacións, a pel, os riles, o corazón, os pulmóns, os vasos sanguíneos e o cerebro, e combina períodos nos que se produce un brote da enfermidade con outros nos que non senten os síntomas.
Ao longo desta campaña, que terá unha semana de duración, os farmacéuticos comunitarios realizarán intervencións en educación sanitaria dirixidas aos cidadáns en relación ao lupus, informando sobre as causas, os síntomas e o tratamento da enfermidade, con especial fincapé na necesidade de protexerse do sol tanto no caso de persoas xa diagnosticadas como dos cidadáns en xeral.
"O uso de protectores solares con factores de protección elevados é imprescindible para os pacientes que padecen lupus e tamén é necesario para a poboación en xeral, xa que o sol é un dos principais factores desencadenamentos da enfermidade", explicou a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo.