Comenzan os novos cursos de español para persoas inmigrantes
Por Redacción
A segunda edición dos cursos de español para persoas inmigrantes que organiza a Deputación de Pontevedra comezarán este luns 21 de maio no edificio administrativo da Deputación e na sede da institución provincial en Vigo. Estes cursos, gratuítos, están destinados a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen preparar o exame do DELE A2 para a obtención da nacionalidade española.
En Pontevedra as clases comezarán este luns ás 09.30 horas e alongaranse ata o 5 de xuño. Este curso, cuxo horario será de 09.30 a 12.30 horas, contará con dous días de repaso os días 10 e 11 de setembro.
Estes cursos están orientados á obtención do nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social.
Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Son integramente subvencionados pola Deputación, incluíndo o custe de matrícula, e serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo.
En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrantes para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral. Os resultados dos exames realizados ata o momento foron moi positivos resultando que o 80,64% do alumnado superou a proba DELE (Diploma de Español como Lingua Estranxeira), do nivel A2, podendo deste modo solicitar a nacionalidade española.
Para os tres cursos desta segunda edición, que ofertaba 60 prazas, recibíronse case un centenar de solicitudes de 15 nacionalidades diferentes: Marrocos, Ghana, Nixeria, Senegal, Ucraína, Siria, Brasil, Paquistán, Rusia, Georgia, Hungría, Kenia, Mali, Angola e Costa de Marfil.