As oficinas de Correos de Pontevedra recollen móbiles usados para fins solidarios
Por Redacción
A acción social do #diadeinternet deste ano ten como obxectivo colleitar teléfonos móbiles e entregalos a ONG que traballan con persoas en risco de exclusión dixital. Calquera persoa que queira doar un móbil só terá que asegurarse de que aínda funciona e depositalo nalgunha das caixas que se despregaron nas tres oficinas de Correos de Pontevedra e nas das oficinas dos concellos da comarca.
Manos Unidas, Mensajeros de la Paz (a fundación do Pai Ángel), Amadip Esment Fundació, ONG Rescate, El Molí d'en Puigvert e Formación Humano Cristiana en DDHH (Venezuela) son as organizacións que recibirán os teléfonos para a súa doazón.
Nun mundo crecentemente conectado, un móbil que o seu primeiro comprador considera obsoleto aínda pode ser de gran axuda para outra persoa que non pode acceder ás oportunidades que brinda un teléfono. A acción solidaria celébrase como parte das actividades do Día Mundial da Internet de 2018, que engloba a máis de 50 organizacións baixo o tema "A sociedade dos datos".
Hai moitas razóns para dar unha segunda vida a eses móbiles inactivos: é positivo para o medioambiente e, ademais de axudar a outros a través da tecnoloxía, aprovéitase a ocasión para concienciar sobre a necesidade de realizar un adecuado borrado de datos antes de descartar os teléfonos. A reutilización de tecnoloxía fomenta o consumo responsable, especialmente cando se trata dun produto fabricado con materiais cuxa extracción poden ocasionar graves consecuencias nos países de orixe.
A acción busca que cada un deste móbiles pase de ocupar espazo nun caixón para facilitar a vida dunha persoa en situación de vulnerabilidade, para a que quizá poida marcar unha gran diferenza e mellorar a súa calidade de vida.