Cerdedo-Cotobade sancionará os veciños que pechen con valados os camiños públicos
Por Redacción
Varios camiños públicos da parroquia de Rebordelo, abertos tras un proceso de concentración parcelaria, apareceron pechados con valados. O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade xa abriu expedientes ante unha actuación que pode supoñer importantes sancións económicas.
Tras recibir aviso e queixas veciñais por estes feitos, o Concello procederá á inmediata recuperación dos camiños públicos e ademais, segundo explican, advírtese a todas aquelas persoas que cometan estas accións que, de persistir na súa actitude de apropiación de bens e vías municipais, veranse inmersas na apertura dun expediente sancionador.
Todo iso sen prexuízo das posibles consecuencias xudiciais que se deriven destes feitos, xa que o Concello xa interpuxo a correspondente denuncia ante a Garda Civil para que investigue o sucedido e adopte as medidas oportunas.
Cerdedo-Cotobade recorda que, segundo a lexislación, son bens de uso público local os camiños, prazas, rúas, paseos, parques, fontes e estanques, pontes e demais obras públicas de aproveitamento e utilización xerais cuxa conservación e policía sexan da competencia da entidade local e, entre elas, os accesos e camiños derivados das concentracións agrarias.
"No noso concello o que é público é de todos e todos temos dereito a utilizalo e tamén a responsabilidade de coidalo, pero é inadmisible que alguén o tente privatizar ou limitar o seu uso", explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, que engadiu que "é mellor que algún cese no seu empeño, porque vai atopar de fronte ao Concello e á práctica totalidade dos veciños".