Falece o home rescatado nas Corbaceiras tras caer á auga co seu coche
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un home de 78 anos de idade, veciño de Pontevedra, foi rescatado este sábado despois de caer co seu coche á auga no peirao das Corbaceiras, en Pontevedra.
O suceso tivo lugar minutos antes das 19:00 horas da tarde, resultando clave a rápida mobilización dos efectivos de emerxencia e tamén a colaboración de varios particulares.
Foron de feito dous particulares xunto a un axente da Policía os primeiros en lanzarse á auga, conseguindo cortar o cinto de seguridade e levar ao home á superficie.
Policía Local, Nacional, Bombeiros, Protección Civil e efectivos do 061 participaron no dispositivo, que xerou unha importante expectación na zona, ademais dun policía nacional fóra de servizo que pasaba pola zona en moto acuática e prestou a súa colaboración.
O condutor do vehículo, tras ser sacado da auga, foi atendido no lugar polo persoal médico durante case unha hora ata que conseguiron estabilizalo. Nese momento foi trasladado ao Hospital de Montecelo con prognóstico grave, falecendo pouco despois segundo informou o 112 Galicia no seu boletín das 9:00 horas do domingo.
O coche, que quedou situado baixo a auga na entrada ao porto, foi sinalizado cunha aboia para evitar que poida ocasionar problemas con embarcacións que accedan ao peirao.