Premio para quen visibiliza ás mulleres na educación, "desde onde verdadeiramente se pode cambiar a sociedade"
Por Mónica Patxot & Redacción
A pontevedresa Eva Fontáns Fernández e as viguesas Lucía Troncoso Pintos e Raquel Armán Prieto recibiron este martes no Palacete das Mendoza os II Premios Sofía Novoa Ortiz que, tal e como xa se anunciara, lles outorgou a Deputación Provincial pola inclusión da perspectiva de xénero nos seus traballos universitarios.
As tres galardoadas centraron os seus traballos fin de grao e fin de máster na importancia da inclusión da perspectiva de xénero na educación infantil e na linguaxe inclusiva e este martes protagonizaron un acto con grande peso musical que estivo presidido pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, e no que estiveron presentes a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e a deputada de Emprego, Montse Magallanes.
Carmela Silva destacou a calidade dos tres traballos galardoados, que impulsan políticas igualitarias e de visibilidade das mulleres en "campos tan importantes como a educación, desde onde verdadeiramente se pode cambiar a sociedade".
Durante a entrega dos galardóns, sinalou a importancia dos Premios Sofía Novoa para "apoiar traballos, estudos, investigacións e iniciativas levadas a cabo na Universidade de Vigo que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da sociedade" e destacou a necesidade de "premiar a perspectiva de xénero nos traballos universitarios xa que é un paso máis na consecución do obxectivo máis importante que temos, que non é outro que acadar un mundo no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades".
A presidenta provincial sinalou que con estes premios a Deputación cumpre o importante obxectivo de poñer en valor a figura de Novoa Ortiz, cunha vida moi ligada ao mundo da música, e visibilizala polas súas grandes aportacións á sociedade. "Falamos dunha muller cunha enorme cultura pero, como outras moitas, esquecidas pola historia", destacou.
Lucía Troncoso Pintos (Vigo) e Eva Fontáns Fernández (Pontevedra) recibiron dous premios de 1.000 euros por apostar pola inclusión da perspectiva de xénero nos seus traballos de fin de grao. Troncoso céntrase nos 'Modelos para fomentar a igualdade entre os sexos no traballo por recunchos na educación infantil. O traballo nos recunchos con enfoque de xénero' e Fontáns aborda cuestións relativas ao 'Enfoque de xénero na mellora da expresión oral da educación infantil nunha escola que escolariza alumnado de minorías étnicas e procedentes do estranxeiro'.
O traballo de fin de máster elaborado por Raquel Armán Prieto (Vigo) supúxolle un premio de 1.000 euros. Está centrado na 'Tradución como ferramenta para a visibilidade: tradución de Gaycation para voces superpostas'.
Relacionadas:
-
Entrega de premios a seis estudantes da Universidade de Vigo por traballos con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
A Deputación falla os "Premios Sofía Novoa Ortíz"
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan a segunda edición dos premios á igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción |
-
Seis traballos universitarios, recoñecidos na I edición dos premios de igualdade Sofía Novoa Ortiz
Por Redacción |