Pontevedra reúne 200 especialistas para analizar o papel da mediación para mellorar a xustiza
Por Redacción
Preto de 200 especialistas dos ámbitos académico e xudicial e da avogacía participan desde este xoves en Pontevedra no III Congreso Internacional para o Estudo da Mediación e o Conflito, unha cita na que se está a abordar o papel que pode xogar na mellora da xustiza a mediación, isto é, a resolución de conflitos a través dun acordo voluntario entre as partes baixo a guía dun mediador ou mediadora.
Durante a sesión de apertura, Álvaro Cuesta, vogal do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ), insistiu en que a mediación "é xustiza, é unha nova dimensión da tutela xudicial efectiva" en tanto que se trata dunha "actividade propiciatoria da resolución de conflitos".
Ao respecto, aclarou que non se trata dunha privatización da xustiza, senón un mecanismo complementario, que tampouco subtrae ao xuíz a capacidade xurisdicional, xa que será este o que dea validez ao acordo acadado entre as partes.
O congreso está promovido pola Conferencia Universitaria para el Estudio de la Mediación y el Conflicto (Cuemyc) e a Universidade de Vigo e aborda as múltiples dimensións de aplicación, tanto no ámbito intraxudicial como extraxudicial, desta vía alternativa para a resolución de conflitos.
O congreso inclúe oito conferencias plenarias; sete simposios nos que participan 36 expertos; cinco mesas de debate nas que participan 22 expertos de diferentes países; e a presentación de máis de 70 comunicacións. Entre os especialistas que se darán cita hasta este sábado figura, na xornada de despedida, o ex director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza.
Na sesión inaugural deste xoves estiveron, ademais de Álvaro Cuesta, o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín; o presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Francisco Javier Menéndez; a presidenta da Cuemyc, Leticia García Villaluenga; a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez; a coordinadora da Rede de Escolas PEA-Unesco en Galicia, Luísa Márquez; e o director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho.
En nome da Cuemyc, García Villaluenga destacou que se trata dunha institución integrada por representantes de preto de 50 universidades españoles e do exterior que naceu co "compromiso conxunto de traballar neste ideal común de construción de paz" e co reto de "unir forzas" para impulsar a mediación xerando coñecemento e transferíndoo á sociedade.
O presidente da Audiencia Provincial insistiu en que se a mediación ten unha función importante para evitar conflitos, igual de importante ou máis é a súa función naqueles que xa se formularon nos tribunais, de aí que sexa necesario promover o seu uso máis aló daqueles ámbitos nos que é especialmente recomendable, como é o caso do dereito de familia, pois "axuda a que a sociedade sexa máis xusta".
Juan José Martín, pola súa parte, engadía que "calquera solución mediada é unha solución mellor" e que as solucións que parten do acordo entre as partes teñen un plus fronte ás impostas, "que son mellor interiorizadas".