Cerdedo Cotobade mellora os accesos viarios na aldea de Cuiña
Por Redacción
A brigada municipal de obras de Cerdedo-Cotobade está a acometer nestes días unha importante mellora viaria na aldea de Cuiña, na parroquia cerdedense de Quireza, para favorecer o acceso en óptimas condicións a unha zona de vivendas e de fincas agrogandeiras que son moi empregadas polos veciños para os traballos do campo.
Esta actuación céntrase nun vello camiño do lugar, que está a ser pavimentado en formigón co obxectivo de conseguir unha circulación máis fluída, especialmente para os vehículos e a maquinaria agrícola.
Estes traballos, enmarcados no plan de mellora de servizos básicos para os veciños, tamén contemplan a modernización da canalización de augas pluviais por medio da dotación de rexiñas que favorecen a circulación da escorrentía e que permitirán afrontar máis facilmente calquera reparación se, no futuro, se producise algunha incidencia na rede.
O equipo de operarios municipais, que en días anteriores estivo na aldea de Viduído construíndo unha nova captación de auga potable, está a intensificar todo o seu traballo de mellora e renovación de servizos e infraestruturas desde hai algunhas semanas.
Isto é así coa chegada da primavera, xa que, malia as choivas, a climatoloxía é moito máis benigna e favorece a celeridade e a correcta realización de todas as obras.