Un matrimonio e ás súas dúas fillas, condenados por branqueo de diñeiro
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Un matrimonio e as súas dúas fillas foron condenados por un delito de branqueo de diñeiro pola Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra.
O xuízo resolveuse este martes mediante un acordo de conformidade entre as partes.
A cambio dunha rebaixa na petición de condena por parte do Ministerio Fiscal, os catro membros da familia recoñeceron os delitos polos que estaban acusados.
Así, o pai Eduardo O.C. admitiu que branqueou grandes cantidades de diñeiro mediante a adquisición de embarcacións destinadas ao tráfico de drogas, motores e demais material. A Fiscalía tamén lle relacionaba coa compra de varios automóbiles, e no seu escrito de acusación significaba que no ano 2005 tiña case 170.000 euros nunha conta bancaria a pesar de levar xa varios anos no cárcere.
Ademais este home xa fora condenado pola Audiencia Nacional e pola Audiencia de Pontevedra por senllas operacións de tráfico de haxix e de cocaína a gran escala.
Eduardo conformouse cunha condena de 10 meses de prisión despois de que o fiscal rebaixase a súa petición inicial de dous anos e medio de prisión. Ademais o tribunal impúxolle unha multa de 200.000 euros. A súa esposa María del Carmen I. G. e as súas fillas Ana Vanesa e Rocío foron condenadas a un mes e quince días de privación de liberdade polo delito de branqueo de capitais por imprudencia a substituír por tres meses de multa a razón de 6 euros ao día. Tamén lles impuxo multas de 6.500 euros para cada unha delas.
A Fiscalía tivo en conta con todos eles a existencia dunha atenuante moi cualificada de dilacións indebidas.
A sentenza é firme e contra ela non cabe recurso.