Amplo despregamento para rescatar unha cadela ferida atrapada nun sumidoiro na Canicouva
Por Natalia Puga
A Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra e persoal da empresa Viaqua mobilizáronse na noite deste luns para rescatar a unha cadela que estaba ferida e agonizando atrapada nunha tubaxe da rede de rede de sumidoiros da parroquia da Canicouva.
A cadela foi rescatada grazas ao uso dunha cámara de visión nocturna. O persoal de Viaqua meteu a cámara na canalización, logrou determinar o lugar exacto no que estaba o animal e, a través dunha tapa de rexistro, lograron sacala á superficie.
Os veciños do lugar alertaron á Policía Local sobre as 22.32 horas da noite do luns e unha patrulla desprazouse ata A Canicouva, comprobando que había un animal dentro dunha tubaxe de PVC nunha zona próxima a unha vivenda.
Polos ruídos que levaban ao exterior deducíase que estaba ferido e agonizando, pero desde a superficie non se distinguía ao animal, de modo que o rescate complicouse.
A cadela estaba, en concreto, nunha tubaxe de recollida de augas pluviais semienterrada que cruza un viario municipal. Na marxe esquerda do viario, a tubaxe trascurre parcialmente enterrada en paralelo á calzada. A tubaxe desembocar a unha arqueta.
O lugar exacto no que foi localizado o animal foi a uns nove metros da entrada do viario e a uns seis metros da marxe dereita, de modo que o rescate complicábase, en especial dada a falta de visibilidade das horas nocturnas.
Primeiro tentárono os policías e logo pediron axuda aos bombeiros, pero estes sinalaron que non tiñan medios suficientes e que sería necesaria unha pa escavadora para romper o asfalto e rescatar á cadela. Finalmente, foron alertados os técnicos da empresa Viaqua, que se desprazaron cunha cámara de visión nocturna e un camión cisterna.
Tras o rescate, a cadela quedou baixo coidado duns veciños, pois non tiña dono coñecido e, segundo difundiu a protectora de animais Os Palleiros, faleceu pouco despois. Segundo explicou este colectivo, a cadela estaba embarazada e os cachorros xa faleceran cando un veciño levouna ao veterinario.