Unha avaría obriga a utilizar por primeira vez o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín de Acuaes
Por Redacción
Unha avaría rexistrada na tarde do venres na galería da condución de auga afectou a subministración cara a Marín e obrigou, por primeira vez, a utilizar o anel de condución de auga entre Pontevedra e Marín realizado a través das obras de Acuaes.
Segundo informou o Concello de Marín, a avaría produciuse en Pontevedra e afectou á condución da auga pola tubaxe a Marín, aínda que en ningún momento se resentiu a subministración. Tan só se rexistraron casos de baixa presión.
Unha vez detectada a avaría, foi necesario esperar a que a madeira permitise aos mergulladores acceder para valorar o alcance e proceder á súa reparación, unha actuación que está a ser coordinada polo Concello de Pontevedra.
Tras a avaría, procedeuse a abastecer ao porto pola tubaxe máis antiga para posibilitar a subministración e desde Marín a abastecer desde a nova tubaxe de Acues. Está a fornecer tanto depósitos como á condución xeral.
Na zona de Seixo detectáronse baixadas de presión, pero conseguiuse non ter que realizar cortes na subministración.
O novo sistema permite ter pechado o anel da condución procedente tanto dos depósitos como da ETAP de Pontevedra, garantindo sempre a subministración á poboación e ao porto.
Os servizos municipais están a funcionar durante toda a fin de semana permitindo que esta actuación sexa posible.