92 familias benefícianse do programa "Paifillonai"
Por Redacción
O programa de conciliación familiar e laboral "Paifill@nai" iniciouse este luns en Portonovo, cubrindo a totalidade de prazas ofertadas en cada unha das quincenas, dando así resposta a todas as solicitudes realizadas.
Desde o Centro de Información á Muller ponse en marcha un ano máis unha nova edición do programa Paifill@nai, que durará ata o próximo 31 de agosto e no que participarán un total de 92 nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, no CEIP Portonovo.
58 nenos escolleron a modalidade de horario amplo e 38 con horario reducido.
Non só mantéñense os prezos do ano pasado, senón que se rebaixan nalgúns casos ata 10 euros en cada prazo posible de inscrición. Ademais, haberá descontos para o segundo e terceiro fillo que solicite praza no programa.
O programa Paifill@nai é un programa de conciliación, que este ano enfoca as actividades para traballar desde a igualdade de xénero e a prevención da violencia dentro dun espazo creado para favorecer e promover o xogo, o establecemento das relacións sociais, a espontaneidade e a autonomía desde o respecto e os hábitos de vida saudables e o traballo das emocións, potenciando o uso do galego e do inglés, así como outras áreas do coñecemento. Son tres as palabras claves do programa: xogo, lecer e actividades lúdicas.
O traballo dividirase por quincenas, abordando temáticas como a familia, a repartición de responsabilidades, xogos en grupo, linguaxe non sexista, xogos populares, etc. Ademais, tamén se desenvolverán talleres como o taller de reciclaxe creativa, o club de lectura, manualidades, o baúl dos disfraces, talleres de cociña, de modelaxe, de educación saudable e unha homenaxe a Concepción Arenal.