Os farmacéuticos pontevedreses chaman á tranquilidade ante a retirada de medicamentos que conteñen Valsartán
Por Redacción
Os farmacéuticos de Pontevedra emitiron un comunicado no que transmiten tranquilidade aos cidadáns ante a alerta sanitaria da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios sobre a retirada de medicamentos que conteñen o principio activo Valsartán, que provocou que este venres nas farmacias da provincia de Pontevedra estean a rexistrarse un elevado número de consultas de cidadáns.
O motivo da alerta de retirada dalgúns medicamentos é a detección da substancia N-Nitrosodimetilamina, clasificada por axencia IARC da OMS como probablemente carcinoxénica, no principio activo Valsartán, fabricado por un provedor.
Aínda que a alerta afecta a determinados lotes de medicamentos de varios laboratorios, hai laboratorios que non teñen todos os seus lotes afectados e outros que non teñen ningún, polo que desde o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra recoméndase aos cidadáns que están a tratamento co principio activo Valsartán que acudan á farmacia co medicamento que están a tomar para que o farmacéutico comprobe se o seu envase está entre os lotes afectados.
Se o farmacéutico comproba que o medicamento que está a tomar o paciente está entre os lotes afectados e o paciente ten unha receita electrónica activa, dispensaralle un medicamento coa mesma composición que non estea afectado pola retirada.
Se o paciente non ten ningunha receita activa deste medicamento, deberá pedir unha cita telefónica co médico para que lle active unha receita dunha das presentacións do medicamento non afectadas pola retirada, sen interromper mentres tanto o seu tratamento.
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos está en contacto coa Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios e o Ministerio de Sanidade para acordar un protocolo de xestión da devolución dos medicamentos afectados.