Augas de Galicia quere cegar a canle centenaria do val de Parada
Por Redacción
A veciñanza de Ponte Caldelas vén de ser convocada polo Goberno local de Ponte Caldelas a unha xuntanza urxente para este próximo xoves, día 19, ás 20.30 horas, na Casa do Pobo para falar dos expedientes informativos abertos por Augas de Galicia, nos que advirte da imposición de multas á comunidade de regadores de Parada e ao propio Concello caldelán se non cegan a canle centenaria, utilizada para o rego de todo o val de Parada.
O equipo de goberno (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) adianta a súa vontade de poñerse a disposición da veciñanza para o seu asesoramento administrativo e, se cadra, xudicial para a defensa dunha infraestrutura tradicional, coñecida como "a presa", cunha antigüidade superior a un século.
Ao tempo, o Concello informará da súa resposta á comunicación enviada polo organismo autonómico, dependente da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que insta á paralización dunhas supostas obras de conservación e que mesmo ordena ao Concello a colocación dunha comporta que impida a entrada de auga dende o río Verdugo. Xa adianta que as únicas obras que realiza son de retirada de árbores caídas durante e despois dos incendios forestais do pasado 15 de outubro. Esta zona, cunha forte presencia de acacias, resultou moi afectada e o Concello colaborou, ao igual que o fixo en moitos lugares do municipio afectados polos lumes.
Ademais, o Goberno municipal caldelán advertirá a Augas de Galicia de que entre as competencias municipais non encaixa a colocación de comportas nin no río, nin en infraestruturas tradicionais de rego.
Os propios veciños de Parada, que teñen recibido un requirimento similar, están moi preocupados diante desta situación, pois a auga da presa, que alimenta varios muíños tradicionais, rega todas as leiras do val de Parada e xoga un papel fundamental para manter o nivel nos pozos que utilizan para o subministro de auga en varias vivendas.