CC.OO denuncia que a lavandería do Provincial está ao límite ante a "sobrecarga" de traballo
Por Redacción
A Federación de Sanidade do sindicato Comisións Obreiras denunciou este martes a situación de "sobrecarga" de traballo que padece o persoal da lavandería do Hospital Provincial de Pontevedra.
Entenden que esta situación impide facer o seu traballo en condicións óptimas e prexudica a atención que reciben os pacientes. Reclaman que se dote a este servizo dos medios e do persoal necesario para garantir o seu bo funcionamento.
CC.OO denuncia que a dirección do hospital decidiu retirar a quenda de tarde, composto de dous traballadores, e quitar unha persoa durante as mañás. Todo iso, aseguran, sen reducir a carga de traballo.
Como consecuencia desta decisión, explican desde o sindicato, está a atrasarse o traballo con roupa que xa está lavada, e por tanto húmida, que se acumula sen que sexa posible o seu secado.
A iso engaden a obsolescencia das infraestruturas da lavandería, que dificulta o labor diario deste colectivo.
Ante esta situación, segundo CC.OO, a "única resposta" da dirección pasa por estudar a posibilidade de externalizar a carga de traballo enviando roupa a unha empresa externa, o que supoñería privatizar parcialmente este servizo.