Un grupo de ciclistas escenifica unha masacre para reclamar máis seguridade
Por Oskar Viéitez
Pedaladas, o colectivo que fomenta o uso da bicicleta, levou a cabo este domingo a escenificación dunha masacre para reivindicar máis seguridade viaria. A performance levouse a cabo na praza da Peregrina e no paseo de Marín e nela participaron un centenar de ciclistas.
"Seguen morrendo peóns e ciclistas por culpa de condutores baixo os efectos do alcol, das drogas, con exceso de velocidade, facendo unha condución desatendida e mesmo deixan á vítima tirada na estrada. E todo isto acaba saíndo de balde, non ten apenas contestación nos xulgados", comunicaron desde Pedaladas.
Este colectivo sinala que este tipo de condutas son altamente repudiadas na nosa sociedade, "como o é a omisión do deber de socorro e darse á fuga para ocultar ir borracho ou carecer de licenza de condución pero a lexislación é totalmente inxusta".
Pedaladas lembra que no ano 2015 "o Partido Popular despenalizó as faltas, isto afectou ás chamadas imprudencias leves e agravou un problema que xa arrastrabamos de lonxe".
"Matar en España cun automóbil só implica un parte ao seguro e pouco máis", afirman. Por este motivo reclaman o endurecemento da Lei de Seguridade Viaria e a reforma do Código Penal baixo o lema "Por unha lei xusta". Reclámase maior seguridade viaria para os ciclistas, tanto para os que practican este deporte nas estradas como para aqueles que circulan polos montes.
Relacionadas:
-
A Garda Civil de Tráfico entrega folletos informativos durante os Mundiais de Tríatlon: 'Na bici usa as pernas e a cabeza!'
Por Redacción |
-
Pedaladas quéixase de que o informe de mobilidade non ofrece facilidades para os ciclistas
Por Redacción |
-
Pedaladas apoia a idea de reducir a velocidade nas vías convencionais
Por Oskar Viéitez |
-
Pedaladas pide reducir a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora nas rúas de Marín
Por Oskar Viéitez |