As atraccións de Santiaguiño do Burgo, a exame
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A empresa Enmacosa Consultoría Técnica comenzou este luns as tarefas de inspección das atraccións itinerantes de feira que se están a instalar na explanada do Pazo da Cultura con motivo da celebración das festas do Santiaguiño do Burgo.
O Concello de Pontevedra contrata desde hai 16 anos este tipo de traballos, sendo un dos primeiros en Galicia en facelo, pero este ano, por primeira vez, faino ao amparo da nova Lei de Espectáculos e Actividades Recreativas de Galicia, que entrou en vigor hai algunhas semanas e contempla este tipo de inspeccións técnicas.
Os técnicos seguen un protocolo específico para completar a realización dun exame o máis completo posible de cada unha das atraccións, que empeza coa solicitude da documentación preceptiva de cada instalación (seguro de responsabilidade civil e as súas coberturas, libro de operacións, manual técnico ou proxecto...).
Ademais, comproban que as atraccións carezan de arestas que poidan resultar cortantes así como de ocos ou desniveis sen protección, puntos importantes de corrosión ou deficiencias de relevancia nos cordóns de soldaduras das instalacións, e que as bancadas e apoios estean correctamente nivelados e asentados.
Outras das cuestións que se analizan teñen que ver coa seguridade do público e do contorno, a dotación de extintores ou as posibilidades de colisión ou solapamento entre os percorridos das atraccións e entre estas e os tendidos eléctricos, edificios lindeiros, farois ou mobiliario urbano en xeral.
As inspeccións implican a equipos multidisciplinares compostos por técnicos especialistas en estruturas, compoñentes mecánicos, aplicacións informáticas de control e en instalacións eléctricas, electromagnéticas, hidráulicas e pneumáticas e céntranse tamén en aspectos como a estabilidade estrutural e a revisión do estado das instalacións eléctricas e do seu correcto funcionamento, incluíndo probas e ensaios de seguridade.