O Concello de Meis amortiza toda a súa débeda
Por Oskar Viéitez
O último pleno municipal de Meis aprobou a amortización da totalidade da débeda do Concello, deixándoa a cero.
Segundo sinalaron desde o goberno local, ao longo de todo este mandato o alcalde José Luis Pérez centrou todos os seus esforzos en sanear as contas da administración local e na creación de emprego, como é o caso do futuro parque acuático que está previsto se instale no municipio "todo un revulsivo económico, non soamente para Meis, senón tamén para todos os concellos limítrofes e porque non dicilo para toda a provincia de Pontevedra".
José Luis Pérez destacou que xunto ao Mosteiro de Armenteira e a Ruta da Pedra e da Auga "este novo parque acuático converterá a Meis no centro turístico e de diversión da comarca".
Ademais, no pleno celebrado este luns aprobouse unha moción "de xustiza" presentada polo goberno local do Partido Popular na que piden o recoñecemento como variedade autorizada da uva tipo "folla redonda" e do viño que se elabora con ela.
Para iso, vai instar en primeiro lugar á Consellería do Medio Rural a que realice os trámites necesarios para que poida ser inscrita como variedade de uva de transformación autorizada na comunidade autónoma de Galicia, dentro do ordenamento do potencial de produción vitícola español.
O alcalde José Luis Pérez lembrou que o nacemento deste viño foi debido á praga da filoxera que entrou na península Ibérica a finais da década de 1870 obrigou aos agricultores afectados a buscar desesperados unha solución, e estes atópana nos "híbridos de produción directa", entre os cales se atopa o " folla redonda" ou tinto "tipo Barrantes".