Detido por roubar uns auriculares a un menor en plena rúa e á luz do día
Por Redacción
Un mozo de 18 anos de Bueu rematou detido pola Policía Nacional tras supostamente roubar uns auriculares a un menor en plena rúa Eduardo Pondal e á luz do día, ás 17.00 horas. Os feitos presenciounos unha patrulla policial.
Segundo informou a Policía Nacional, o detido ten antecedentes policiais e foi arrestado como presunto autor dun delito de roubo con violencia.
Os feitos sucederon sobre as 17.00 horas do venres 11 de maio. Unha patrulla da Policía Nacional que se encontraba realizando labores de prevención da seguridade cidadá polas inmediacións da rúa Eduardo Pondal observaron un forcexo entre dous mozos e decatáronse de que un deles lograba arrebatarlle algo ao máis pequeno.
Os axentes achegáronse ao maior dos mozos, quen relatou que acababa de pedirlle diñeiro ao menor e ao negarse arrebatoulle uns auriculares que levaba postos. Engadiu que nese momento se iniciou o forcexo.
A Policía procedeu á súa detención e, ademais, interveulle unha pedra de substancia marrón que supostamente é haxix, polo que se realizou unha proposta de sanción ante a Subdelegación de Goberno en Pontevedra.
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, o detido foi posto en liberdade, se ben deberá comparecer ante o xuíz cando sexa requirido.