Denuncian que Carrefour discrimina o galego nos supermercados de Sanxenxo e Vilagarcía
Por Redacción
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un novo caso de discriminación lingüística, neste caso responsabilidade dos supermercados Carrefour. Os clientes dos supermercados que operan baixo a marca Carrefour Express na Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo ou Ourense "poden ver os seus tickets de compra en catalán, euskara ou castelán, mais non en galego".
Este feito, din desde A Mesa, "colmou a paciencia dunha clientela farta de ver como o grupo Carrefour ignora a súa lingua na publicidade, nos centros comerciais e na comunicación co cliente das súas tendas e supermercados".
Desde este colectivo aseguran que se puxeron en contacto co servizo de atención á clientela de Carrefour para trasladarlles "as queixas recibidas por varias persoas indignadas por esta nova exclusión do galego", e interesáronse por saber o motivo deste "trato diferenciado". Lembráronlle así mesmo que o galego é a lingua propia e oficial de Galicia e animáronos "a usaren o galego con normalidade".
Pero na resposta do grupo Carrefour non se explica a razón de que o galego reciba un trato diferente ás outras linguas cooficiais do Estado e limítanse a informar que "desde Centros Comerciales Carrefour cumplimos las normativas legales vigentes en las diferentes comunidades autónomas", seguido do agradecemento protocolario nestes servizos.
Desde A Mesa insisten en que "ningunha empresa ofrece un servizo de calidade se ignora o idioma da súa clientela" e por iso animan o conxunto da sociedade a que solicite a Carrefour que respecte o galego.