Os centros escolares de Sanxenxo estrearán o próximo curso un programa de educación en igualdade
Por Redacción
O proxecto Sanxenxo en Igualdade, desenvolvido desde o Centro de Información á Muller e que establece a adopción de medidas para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes na sociedade e a loita contra a violencia de xénero, chegará o próximo curso aos centros educativos do municipio.
O obxectivo é educar desde idades temperás na igualdade transmitindo valores que cuestionen os mitos sexistas e acheguen novas formas de crecer sen discriminación de xénero.
Sanxenxo en Igualdade articularase en función da franxa de idade, comezando en educación infantil cun contacontos para nenas e nenas a partir de 4 anos que abordará unha tradición oral certamente sexista para ir desmontando mitos e estereotipos, de forma lúdica.
En educación primaria, adquirirase novo material educativo para o proxecto municipal da Mochila da Igualdade. Un proxecto dirixido ao alumnado dos centros educativos municipais que estean a cursar 1º de Educación Primaria.
En 6º de Educación Primaria traballarase a coeducación e a sensibilidade na igualdade de xénero, os factores que inflúen na aprendizaxe, así como o papel que para a infancia xogan os adultos, as películas ou a música como modelos de adquisición de valores.
Os nenos e nenas de ESO, 2º, 3º e 4º, elaborarán unha serie de guións co obxectivo de gravar unha curta que será presentada publicamente, mentres que en Bacharelato uns relatorios interactivos traballarán na prevención da violencia con temas como a influencia dos estereotipos de xénero nas relacións persoais, os celos, o control, malos tratos ou as redes sociais e o seu uso.
Este proxecto educativo ten un custo de 7.000 euros, dos cales 6.000 serán financiados a través dunha subvención da Deputación para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.