Os 19 de Meirás, símbolo de que aínda queda moita memoria por recuperar no Día da Galiza Mártir

© Paula Sanmartin

© Paula Sanmartin
Pontevedra e Poio envorcáronse este venres, un ano máis, na conmemoración do Día da Galiza Mártir, unha xornada reivindicativa na que a Fundación Alexandre Bóveda non só busca lembrar e render homenaxe ao intelectual galeguista asasinado tal día coma hoxe no ano 1936 no monte da Caeira, senón reivindicar a todos os mártires galegos e vítimas da ditadura de Franco.
Como xa vén sendo habitual, a xornada inclúe cinco actos reivindicativos diferentes, pero o central segue a ser o que se celebra ás 13.00 horas ante o monumento en memoria de Bóveda na Caeira, que este ano, ademais, como novidade, tamén foi escenario da entrega do XIII Premio Galiza Mártir, que habitualmente se entregaba no xantar posterior no Parque da Memoria de Poio, pero se cambiou de ubicación dada a idade do homenaxeado, Xosé María López de Guereñu, de 98 anos.
Xosé María López de Guereñu recibiu o recoñecemento como "representante vivo desa xeración de galeguistas que traballaron en prol da Memoria Democrática, cando esta nin existía nas políticas públicas, nin a sociedade coñecía tal termo" e demostrou que a súa saúde fisica deixa trasludir os case 100 anos, pero non así a súa claridad mental. Así, fixo un chamamento a "seguir os pasos de Bóveda" e non dar "nin un pasao atrás" na recuperación da memoria.
O acto deste 2018 tivo como protagonistas claros aos coñecidos como "19 de Meirás", as 19 persoas denunciadas pola filla e o neto de Franco e pola Fundación que leva o nome do Ditador porque en xullo de 2017 despregaron unha faixa no Pazo de Meirás en Sada para reclamar a súa devolución ao patrimonio do pobo, como símbolo de que aínda queda moito por recuperar en tal día coma este.
En representación dos 19 denunciados falou Néstor Rego, que quixo lembrar a "todas as persoas que loitaron polas liberdades" e denunciar que "en moitos aspectos o Franquismo sobreviviu á morte do ditador", como demostra a acusación que pesa sobre os 19 de Meirás e outros 9 compañeiros denunciados por un acto similar na Casa de Cornide da familia Franco na Coruña e tamén que "40 anos despois se continúe perseguindo a liberdade de expresión e encarcerando persoas polas súas ideas políticas".
Pola Fundación Alexandre Bóveda tomou a palabra Aurora Marco, que demandou que "memoria e activismo teñen que ir da man" e tamén tiveron turno de intervención a filla e o neto de Alexandre Bóveda, Amalia Bóveda e Valentín García Bóveda. A primeira reiterou que este acto supón "esixir o noso dereito á memoria", un "dereito á memoria colectiva que non foi negado tantos anos".
No acto institucional houbo unha ampla representación do BNG, que pola tarde, ás 20.30 horas, tamén organizaou unha homenaxe propia na praza de Curros Enríquez, e de En Marea, que previamente, ás 12.00 horas, celebrara un acto en clave feminina nas escaleiras de Facenda para homenaxear a todas as mulleres que sufriron a represión dos fascistas tralo levantamento militar.
Polo BNG estiveron na Caeira, entre outros, o ex portavoz nacional Xabier Vence, concelleiros e alcaldes de Pontevedra e Poio, a eurodiputada Ana Miranda, o deputado Xosé Leal e a actual portavoz nacional, Ana Pontón, que antes do acto destacou a figura do político galeguista asasinado durante o franquismo como "un galego exemplar" e recalcou que a restitución das vítimas do franquismo segue sendo "unha materia pendente" e as políticas do esquecemento que se teñen practicado desde a Transición son "cómplices do franquismo".
Así, Pontón reclamou "unha axenda galega de recuperación da memoria histórica" para poñer "punto final" á impunidade dos crimes do franquismo e solicitou ao Goberno estatal, como tamén fixo En Marea por este Día da Galiza Mártir, "anular todos os xuízos sumarísimos" como o que condenou a morte a Alexandre Bóveda.
No acto tamén estiveron presentes, como en anos anteriores, o concelleiro do PP de Pontevedra César Abal e o voceiro do partido en Poio e deputado provincial, Ángel Moldes. Ademais, non faltaron históricos dirixentes galeguistas como Xosé Manuel Beiras, que participou na ofrenda floral no monumento a Bóveda que puxo fin ao acto.
Ofrenda floral no día da Galiza Mártir
Pontevedra e Poio envorcáronse este venres, un ano máis, na conmemoración do Día da Galiza Mártir, unha xornada reivindicativa na que a Fundación Alexandre Bóveda busca reivindicar a todos os mártires galegos e vítimas da ditadura de Franco
© Paula Sanmartin