Os veciños de Parada de Tenorio recuperan a liña telefónica
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar os arranxos do alumeado público en Traslamós e da liña telefónica e de Internet en Parada de Tenorio despois de que durante o último mes se concretaran as avarías e se realizaran as xestións e contratacións correspondentes para a súa reparación. Deste xeito, os veciños destes dous lugares da parroquia de Tenorio, que tiñan cursada a correspondente demanda ante o Concello, veñen de recuperar ambos servizos.
No caso do alumeado público en Traslamós, o Concello comezou a recibir queixas polo seu mal funcionamento, posiblemente derivado da falla de potencia, hai cousa de dous meses, pero xusto nese momento se estaba a ultimar a contratación do servizo municipal de mantemento eléctrico e houbo que agardar ata que os servizos xurídicos determinasen se esa obra entraba na nova adxudicación.
O Concello non podía facer o encargo por urxencia se a obra estaba incluída "xa que sería unha dilapidación dos cartos públicos", explicou o presidente municipal, Jorge Cubela, que concretou que esta circunstancia motivou o retraso da reparación durante estas semanas. Finalmente, contratouse a unha empresa externa e solucionouse o problema coa instalación dun novo cadro eléctrico.
No caso do problema telefónico e de acceso a Internet sufrido en Parada de Tenorio, o principal atranco é que o arranxo non podía ser acometido polo Concello, xa que a liña pertence a un operador co que se mantiveron intensos contactos ata que finalmente este martes quedou completamente reparado e se recobrou o servizo.
Cubela solicitou desculpas aos veciños destes dous lugares pola pequena demora nas reparacións "pero nestes casos a burocracia xoga en contra dos desexos do goberno local de solucionar os problemas ao instante, xa que hai unha normativa e uns trámites que cumprir en aras da necesaria transparencia e salvagarda dos cartos públicos e nós somos moi escrupulosos porque cremos neses valores, porque así o marca a lei e así o quere a cidadanía".