48.700 euros para arranxar camiños no lugar da Igrexa en Moraña
Por Redacción
O xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo, acompañado da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, comprobou as obras de mellora nos camiños do lugar da Igrexa, onde se investiron, en total, 48.700 euros.
A obra consistiu na mellora dos firmes de dous tramos de camiños situados no lugar da Igrexa, na parroquia de Santa Xusta, un que conta cunha lonxitude de 230 metros e un ancho medio de 4 metros, e outro de 541 metros e cun ancho de 6 metros. Os traballos permitiron ampliar estes anchos e instalar cunetas de caño de formigón, así como mellorar o asfaltado con bituminosa en quente. En total, desenvolveuse unha intervención ao longo de 771 metros
Segundo apuntou o xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, o Plan Marco ten como "obxectivo ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso dos agricultores e gandeiros as súas parcelas". Deste xeito, facilitarase a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes.
En total, para a provincia de Pontevedra, o investimento do Plan Marco ascenderá no presente 2018 a algo máis de 3,2 millóns de euros.