Fichas de balde nas atraccións das Festas das Dores para os menores das familias en risco de exclusión social
Por Redacción
Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Ponte Caldelas reparte fichas gratuítas para as atraccións das Festas das Dores entre os nenos pertencentes a familias en risco de exclusión social. O Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) lembra que esta medida "acabou coa vergoñenta tradición dos anteriores responsables municipais repartir as fichas de cortesía, que doan os feirantes, sen a menor transparencia".
Os Servizos Sociais municipais seleccionaron un total de 48 menores, pertencentes a 28 familias (dúas máis que o ano pasado) como beneficiarios directos desta medida. Cada menor obtivo 4 fichas gratuítas.
Deste xeito, garántese que os rapaces destas familias gozarán das Festas das Dores en plena igualdade de condicións durante todos os días. A maiores, o próximo mércores, día 29, celébrase o día do Neno, no que todas as atraccións están dispoñibles á metade de prezo.
O Goberno local amosa a súa "satisfacción de poder ter erradicado un comportamento caciquil dos anteriores responsables municipais, un costume intolerable nunha Administración moderna e do século XXI e que respondía a unha concepción patrimonial da autoridade municipal".
Por outra banda, a programación musical das Festas das Dores volverá ser o principal reclamo para o público. Ponte Caldelas vivirá este venres o seu festival de música electrolatina, Caldelas Xoven, con DKB, Traffic House, Intro Elite, Adrián Mesu e Manu GZ. O domingo contará coa orquestra París de Noia e o martes, noite da verbena ata as 8 da mañá, co Combo Dominicano como cabeza de cartel.