O luns comezan as obras da estrada á Igrexa de Caleiro en Vilanova
Por Redacción
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra iniciará este luns obras de saneo e mellora do firme na estrada provincial EP-9704, de enlace coa igrexa de Caleiro, no Concello de Vilanova de Arousa. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de Conservación de Firmes e abrangue practicamente toda a lonxitude e sección da vía (uns 400 metros lineais) co fin de mellorar a seguridade viaria.
A actuación, que se decidiu despois de informes técnicos do persoal da Deputación ao detectar pequenas fochancas, fendas e cuarteados, prolongarase durante varios días cos traballos de aglomerado. Aplicarase tamén unha capa de tratamento antiescorregadizo, o que se completará co repintado da sinalización horizontal unha ou dúas semanas despois, cando o firme estea totalmente consolidado.
Coa mellora do firme na EP-9704 continúanse as actuacións iniciadas a principios de verán ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Salnés.
Co novo Plan a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras. Á zona do Salnés correpóndelle o lote cinco, que atende aos concellos de Valga, Pontecesures, Catoira, Cambados, O Grove, Sanxenxo, Meaño, Meis, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa e Illa de Arousa, cun orzamento de 699.868,86 euros e a adxudicataria "Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa SL" (MARCONSA). O orzamento chega ata os 4,4 millóns de euros ao ano para toda a provincia.