A Garda Civil atribúe a un grupo organizado 39 roubos en vivendas da provincia, un en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A Garda Civil logrou sclarecer a autoría de 39 roubos en casas habitadas e segundas vivendas cometidos durante os últimos meses na zona norte da provincia, entre eles un nun municipio da comarca de Pontevedra, Cerdedo-Cotobade.
Os roubos atribúense a dez persoas que integran unha banda organizada maior, de 19 integrantes, que foron arrestados recentemente pola Garda Civil nas provincias da Coruña e Lugo pola súa relación con máis dun centenar de roubos con forza e violencia noutras tantas vivendas e locais.
As investigacións do Equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Lalín, no marco da denominada 'Operación Raubon', permitiron atribuír a presunta autoría dos 39 roubos de Pontevedra a dez dos detidos, residentes na súa práctica totalidade na localidade de Melide (A Coruña).
A Garda Civil atribúelles un delito de pertenza a grupo criminal e eses 39 delitos de roubo que se cometeron entre xaneiro e agosto deste ano nos seguintes municipios: Lalín (12), Vila de Cruces (12), Silleda (6), A Estrada (5), Forcarei (3) e Cerdedo-Cotobade (1).
Todos os roubos esclarecidos que se lles atribúe a este grupo criminal presentaban o mesmo modus operandi. Accedían ás vivendas illadas ou en zonas pouco visibles mediante a fractura da porta e/ou xanela. Unha vez no interior ocasionaban unha gran desorde, chegando a causar danos innecesarios nas estancias ou obxectos da vivenda.
Os ladróns actuaban calquera día da semana, entre o mediodía e a última hora da tarde e o principal obxectivo do delito, aínda que adoitaba ser o diñeiro en metálico, as xoias e as ferramentas, en ocasións adoitaban subtraer practicamente todo os que atopaban ao alcance da man, independentemente do valor dos obxectos.
O valor dos obxectos subtraídos e dos danos ocasionados nas 39 vivendas supera os 78.000 euros. Os obxectos que lograron recuperarse está depositados nos cuarteis da Garda Civil de Milladoiro e Lugo, onde poderán ser recoñecidos polos seus propietarios.