A acusación particular pide 45 anos de cadea para dous homes por abusos a unha menor discapacitada
Por Oskar Viéitez
Quedou visto para sentenza o xuízo contra tres homes acusados dun delito continuado de abuso sexual a unha menor discapacitada en Vilaboa.
Na última sesión do xuízo celebrada este martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, as partes elevaron a definitivas as súas conclusións.
O Fiscal, Alejandro Santiago de Miguel, sostén que "han quedado perfectamente acreditados todos los hechos del escrito de acusación" e cualificou como "coherente y constante" o testemuño aportado pola vítima, polo que pediu unha sentenza condenatoria para os tres acusados que segundo o seu criterio dirixíronse á menor "en diversas ocasións coa intención de satisfacer os seus desexos sexuais con coñecemento da situación da súa menor idade, así como aproveitándose do atraso mental que a mesma padece".
A Fiscalía considera que os feitos son constitutivos dun delito continuado de abuso sexual, polo que solicita para cada un dos acusados a pena de 9 anos de prisión e en concepto de responsabilidade civil solicita unha indemnización de 20.000 euros polos prexuízos sufridos.
A acusación particular eleva ata os 45 anos de prisión a petición de penas para Enrique C.C. e José Diego G.R., ao entender que exerceron os abusos sexuais con violencia ou intimidación, mentres que para o terceiro acusado, Aníbal M.F., pide 30 anos de cárcere. A indemnización solicitada pola acusación particular é de cen mil euros.
Pola contra os avogados defensores dos tres acusados pediron para os seus clientes a libre absolución xa que os procesados negaron os feitos e declaráronse inocentes.