Asamblea Cidadá de Bueu e En Marea asinan un acordo de colaboración para as eleccións municipais
Por Redacción
A Asamblea Cidadá Bueu (ACB) presentarase ás eleccións municipais do ano 2019 baixo o paraugas de En Marea. Este sábado ambas as dúas agrupacións políticas asinaron un acordo de colaboración de cara a esa cita electoral de dentro de dez meses mediante o cal En Marea dará cobertura, apoio e medios á formación da localidade do Morrazo.
Coa sinatura, ACB segue o camiño iniciado pola Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas e Lugo Novo, que xa traballan baixo o paraugas de EM. A formación anuncia que seguirá conformando unha rede de apoios e colaboración para as eleccións coa adhesión de novas mareas municipais, se así o solicitan, nos vindeiros meses.
A Sala Amalia Domínguez de Bueu acolleu o acto da rúbrica do protocolo, no que participaron o voceiro de ACB, Xulio Villanueva; o seu compañeiro Xosé Manuel Bacelar, o voceiro de En Marea, Luís Villares; e as vicevoceiras Ana Seijas e Victoria Esteban.
Villanueva fixo un chamamento á unión fronte ao inimigo común da cidadanía, o Partido Popular, e sinalou que o acordo permitirá "rematar co cancro do PP" e mantén con vida a independencia de ACB, que "queremos sexa a voz de Bueu nunha vila gobernada pola esquerda, pero que aplica medidas da dereita como privatizacións ou recortes".
A vicevoceira de EM, Vitoria Esteban, sinalou que EM ten a súa forza nas mareas locais e "nelas temos un espello onde reflectirnos porque, desde o principio, o municipalismo, pola proximidade coa xente do común, foi a enerxía que move o motor do cambio".
Luís Villares pechou o acto citando a definición de Carl Sagan do universo como un todo diverso xirando ao unísono nun movemento armónico. "Esa é a idea que En Marea quere levar por todo o país", incidiu o voceiro e apelou a este proxecto republicano de EM, "un proxecto transformador que nos fai realmente distintos e no que primeiro hai que desaprender para aprender de novo".
En Marea, concluiu, "é como o universo de Sagan, como a música que con voces e sons plurais e diversos desenvolve un conxunto único en forma de sinfonía, en forma de república do mar".