Un accidente dunha octoxenaria nunha leira mobiliza un helicóptero sanitario ata Cuntis
Por Redacción
O accidente sufrido por unha muller de 81 anos nunha leira de Cuntis mobilizou este luns un amplo dispositivo de emerxencias, incluído un helicóptero de Urxencias Médicas de Galicia 061, que aterrou nun terreo próximo para atendela.
Segundo informaron fontes municipais, finalmente non foi necesario que a ferida tivese que ser trasladada en helicóptero, senón que foi trasladada por unha ambulancia a un centro hospitalario pontevedrés.
Todo sucedeu nunha leira do lugar de Constenla, na parroquia de Couselo. A ambulancia que atendeu a muller foi guiada ata o lugar do accidente por voluntarios de Protección Civil.
Fontes veciñais indicaron que a muller estaba a realizar tarefas agrícolas nunha leira durante a mañá deste luns, tivo unha caída e cravouse un pau usado na plantación de xudías. Isto provocoulle unha forte hemorraxia pola que tivo que ser atendida.