Maica Larriba subliña a potenciación do emprego para as persoas con diversidade funcional
Por Redacción
A Subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, mantivo este martes un encontro con Mayte Gutiérrez e Raquel Alvite responsables da organización empresarial Cegasal que agrupa os centros especiais de emprego, no que salientou a potenciación do emprego nestas empresas que vai supor a nova Lei de Contratos do Sector Público na que se fixa unha porcentaxe de reserva na contratación para as persoas con diversidade funcional.
Larriba subliñou que coa nova lei de contratación as distintas administracións teñen que facer unha reserva, nun primeiro momento, dun sete por cento para as empresas de economía social que chegará ata o dez por cento nos próximos catro anos. "Este é un xeito de compromiso do Goberno na potenciación do emprego de persoas con diversidade funcional e das empresas de traballo social", recalcou a Subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Cegasal é a asociación empresarial que agrupa os centros especiais de emprego que apostan pola creación de emprego de calidade entre as persoas con diversidade funcional cun modelo de emprego protexido de acordo cos principios da economía social. En toda Galicia son máis dunha vintena de empresas que dan emprego a preto de 800 persoas con diversidade funcional.
Para a Subdelegada do Goberno en Pontevedra o compromiso do executivo de Pedro Sánchez é "total" coas persoas con diversidade funcional e o emprego deste colectivo é fundamental no seu desenvolvemento persoal polo que "traballouse arreo" no Congreso dos Deputados para que a nova Lei de Contratos do Sector Público contará cunha reserva para as empresas que agrupan a este tipo de traballadores "iguais e cos mesmos dereitos que calquera outro cidadán do noso país", concluíu Larriba.