Bueu quere crear un paseo peonil que una as praias da Banda do Río e Beluso
Por Redacción
Responsables do Servizo de Costas en Pontevedra mantiñan un encontro co alcalde de Bueu, Félix Juncal, durante a mañá deste mércores coa intención de tratar diversos temas relacionados co litoral do municipio.
Entre as cuestións máis relevantes atópase a iniciativa de crear unha senda peonil que faga as funcións de paseo marítimo entre a praia da Banda do Río e a de Beluso. A proposta do goberno local é que se resolvan os problemas de mobilidade peonil entre ambos os areais.
O Concello de Bueu conta cun proxecto que data do ano 2009 e que tería que someterse a revisión. Trátase dunha proposta "prioritaria" para o goberno local e, neste sentido, está previsto presentar unha solicitude formal e por escrito, acompañada do proxecto técnico, para lograr a autorización do Ministerio de Fomento. A idea é crear unha pasarela que contemple mobiliario urbano.
Con este proxecto, segundo informan desde o goberno local, estableceríase un espazo de tránsito seguro que permite coñecer a contorna e poñer en valor o medio ambiente.
Portos de Galicia xa construíra unha pasarela de madeira na praia de Beluso, que se convertería en punto de conexión con este paseo ata a praia da Banda do Río.