Aceptamos polbo como sabor de xeado
Por Oskar Viéitez
Aínda que non parece moi lóxico presentar un xeado cando acaba o verán tampouco o parece que o sabor elixido sexa o polbo, pero quen sabe.
Este venres as xeaderías A Ibense de Pontevedra presentaron na Alameda de Marín un produto "innovador e pouco común", xa saben: o xeado de polbo.
A xerente da empresa, Pilar Moledo, atendeu a petición dos dirixentes de Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín de crear este peculiar sabor de xeado para a próxima Festa do Polbo de Marín que organiza ACIMA os días 6,7 e 8 de setembro.
Quen se achegou á presentación deste doce no Palco da música da Alameda, puideron gozar do xeado sinalando que resulta "riquísimo" e ideal para unha mañá asollada como a deste venres, especialmente á hora do aperitivo.
Para todos aqueles que non puideron acudir, aínda poden probalo na próxima Festa do Polbo de Marín.