Rolda pola recepción dun hotel e aproveita un descoido para forzar a caixa, coller 40 euros e fuxir
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 25 anos con antecedentes policiais como presunto autor dun delito de roubo con forza no interior do hotel Madrid, na rúa Andrés Muruais, no que tras forzar a caixa rexistradora se levou 40 euros.
O roubo que se lle atribúe produciuse o 6 de maio. Segundo a denuncia presentada pola dona do hotel na Comisaría, sobre as 15.45 horas da tarde unha traballadora observou un individuo na zona de recepción actuando de xeito sospeitoso.
A dona dirixiuse inmediatamente ao lugar e observou un individuo que saía correndo do establecemento, comprobando que a caixa rexistradora fora forzada e faltaban do interior desta uns 40 euros.
O suposto ladrón foi detido sobre as 20.00 horas deste martes 14 de maio nas inmediacións da rúa Estación de Pontevedra. Unha vez en dependencias policiais, tramitouse o correspondente atestado policial e o detido foi posto a disposición xudicial
O detido ten varios antecedentes por feitos similares e no último mes vincúlaselle cun delito de furto de teléfono móbil, o roubo con forza dun ordenador portátil no colexio Crespo Rivas de Campolongo ou o furto de dous móbiles nun establecemento de telefonía.