Pillan unha furtiva "in fraganti" e resulta ser ex mariscadora
Por Redacción
A Policía Local de Poio, na mañá deste sábado 1 de setembro, recibiu unha chamada do Servizo de Gardapescas da Confraría de Pescadores de San Telmo, para solicitar colaboración tras detectar a unha muller que presuntamente recollía ameixa na praia de Campelo.
No lugar, a patrulla de axentes locais, puido comprobar que unha muller con indumentaria de praia e ataviada con diferentes elementos estivais estaba aproveitando para recoller ameixa. Cando se percatou da presenza policial, comezou a desfacerse dalgunha ameixa recollida.
Os axentes solicitáronlle que se identificara e ensinara as súas pertenzas para comprobar os feitos, pero a muller mostrou unha actitude pouco colaborativa e negouse a identificarse, desobedecendo as ordes dos policías.
Os policías procederon a intervención de un quilo e medio de ameixa no interior do bolso que agochaba preto da hamaca e outras pertenzas.
A pesar da negativa, a identificación logrouse xa que nas súas pertenzas apareceu o seu DNI. Tras informarlle das infraccións que se tramitarán, a presunta autora manifestou que é coñecedora das sancións xa que foi mariscadora.
Agora se tramita unha denuncia por furtivismo na Consellería do Mar da Xunta de Galicia e outra por negativa a identificarse e por non acatar as ordes dos axentes de policía perante a Subdelegación do Goberno.
Dende a Policía Local de Poio chaman á concienciación sobre este tipo de infraccións que ocorren con frecuencia e perxudican ás mariscadoras.
A Policía Local de Poio e o Servicio de Gardapesca da Confraría de Pescadores de San Telmo colaboran de forma habitual para tratar de frear estas prácticas ilegais.