O curso comenza nas escolas infantís da Galiña Azul
Por Redacción
Os centros da rede pública de escolas infantís da Galiña Azul xa se atopan en funcionamento desde este mércores 5 de setembro. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaba a escola situada na Delegación Territorial en Campolongo. Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores visitou o centro da Galiña Azul da Parda.
Cores Tourís indicaba na súa visita que 424 menores con idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos contan con praza definitiva no municipio de Pontevedra. Na comarca, hai 15 escolas da Galiña Azul en funcionamento, nos concellos de Poio, Barro, Marín, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Ponte Caldelas, Vilaboa e Pontevedra, que conta con seis centros.
Nelas puxéronse a disposición dos usuarios 959 prazas, das 2.993 que se ofertaron en toda a provincia, un 5% máis que durante o curso 2017/18.
A lista de espera provisional neste inicio de curso suma 2.981 solicitudes en toda Galicia. No caso de que finalmente non se lle conceda a praza, as persoas interesadas que o solicitaran poderán optar ao programa Bono Concilia.
Este programa establece unha axuda de entre 45 e 250 euros mensuais, segundo a renda familiar, para colaborar no pago da praza en escolas infantís que carezan de financiamento por parte da administración autonómica. Este curso incrementáronse nun 16% en toda Galicia as prazas subvencionadas en escolas privadas.
Resérvanse 492 prazas para emerxencias en toda a comunidade autónoma e o número de vacantes ascende a 1.292, a maioría destes casos trátase de prazas non cubertas no grupo de idade de menores dun ano.
A oferta, segundo a Xunta, que se realiza para este curso sitúa a Galicia cun cociente de atención dun 41% de prazas para escolares de idades comprendidas entre 0 e 3 anos, oito puntos por encima da media que recomenda a Unión Europea.
Relacionadas:
-
Case 8.000 nenos e nenas de Pontevedra regresan ás aulas esta semana
Por Redacción |
-
A Xunta destinou máis de 400.000 euros para a posta a punto dos centros educativos pontevedreses
Por Oskar Viéitez |
-
Posta a punto dos colexios cara o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Setembro faise costa arriba para as familias polo gasto escolar
Por Oskar Viéitez |