As rúas contiguas ao edificio dos sindicatos serán reformadas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Na axenda de reformas urbanas do Concello de Pontevedra figura as rúas contiguas ao edificio dos sindicatos. Segundo informou o portavoz municipal Raimundo González, "trátase dun espazo a carón de Facenda que quedou en terra de ninguén".
Con esta actuación o goberno local quere completar "esas pequenas cousas que aínda nos faltan no centro histórico".
A Xunta de Goberno deste luns 10 de setembro aprobou as solicitudes para participar no programa do Ministerio de Fomento (2018-2021) para as áreas de rehabilitación integral (ARI) do Estribela e do centro histórico.
Os beneficiarios das subvencións poden ser propietarios de edificios ou de inmobles e a propia administración local para actuacións de urbanización.
En canto á terceira fase do ARI do centro histórico o importe total ascende a 2.8 millóns de euros que maioritariamente se destinarán a rehabilitación de 140 vivendas e baixos comerciais.
Para obras de reurbanización o Concello contempla destinar 368.000 euros para a reforma do entronque da Praza da Ferrería coas rúas Aduana, Laranxo e Pasantería ata a Praza da Leña.
E na oitava fase do ARI de Estribela solicítanse máis de 792.000 euros, que inclúen as rehabilitacións dos particulares, o custo das oficinas técnicas e as obras de reurbanización que propón o Concello de Pontevedra que son a dotación de beirarrúas na zona de Marqués de Valterra e un muro de contención na rúa Montero Ríos no límite con Marín.