Cubela negocia a cesión dos terreos para ensanchar unha estrada en Vilanova
Por Redacción
O presidente municipal de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou este luns o impulso á mellora viaria do lugar de Vilanova co ensanchamento da pista para favorecer o tráfico simultáneo e permitir o acceso de vehículos de emerxencias ou ambulancias. Este proxecto foi presentado aos veciños nunha xuntanza e incorporou certos axustes acordados entre todas as partes, co cal agora o munícipe centrarase na consecución dos terreos a través dunha cesión por parte dos propietarios afectados.
O proxecto vai consistir na ampliación do vial ata alcanzar unha anchura de 4,50 metros e na dotación de entubado de pluviais en dous treitos que suman uns 100 metros para evitar a habitual escorrentía da auga durante o inverno. Así mesmo, tamén se vai solucionar un problema xenerado por unhas pozas que impiden o correcto desagüe.
Deste xeito, solucionarase o dobre problema do tránsito no interior deste lugar e da constante presenza de auga sobre a pista en épocas de choiva. Os veciños animaron ao rexedor a tratar de conseguir a maior cantidade de terreo para que o ensanchamento sexa o máis grande posible co obxectivo de facer a obra pensando no futuro e evitar ter que corrixila dentro duns anos.
Ademais, tras a actuación de ensanchamento, o proxecto culminarase coa renovación do firme a través dunha nova pavimentación.
Esta actuación está orzamentada en 45.000 euros aos que haberá que engadir as melloras que proporán as empresas interesadas e que, en principio, centraranse na extensión do muro de pedra da zona para favorecer o ensanchamento e a seguridade.
"Cremos que se trata dun proxecto moi necesario para Vilanova, xa que corrixirá algunhas eivas circulatorias que hai no núcleo e ampliará a actual estreitez existente. Os veciños veñen de facer interesantes aportacións para que a obra quede o mellor posible e agora imos centrarnos en conseguir os terreos de xeito áxil", explicou Cubela.