A APDR leva 18 anos de Marcha
Por Oskar Viéitez
A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) convocou aos cidadáns de Marín e Pontevedra a unha nova marcha contra o complexo industrial de Ence-Elnosa, será a número dezaoito. A tradicional cita terá lugar o vindeiro sábado 1 de xuño a partir das sete e media da tarde, segundo explicaron dous portavoces do grupo ecoloxista, o presidente, Antón Masa, e a secretaria, Antía Marinho.
Na APDR móstranse convencidos de que a mobilización social e a vía xudicial impedirán a prórroga da concesión da pasteira en Lourizán por outros 75 anos.
Antón Masa centrou as súas críticas na nova Lei de Costas advertindo que ampliar a permanencia da fábrica na súa actual ubicación "implicaría poñerlle un freo importante ás posibilidades de recuperación da ría" coa explotación racional dos seus recursos naturais.
O complexo industrial en Lourizán é "incompatible" co respecto ao medio ambiente e cos "postos de traballo de calidade", sinalou Masa. "Mesmo destrúe emprego dentro da fábrica, ainda que 40 despedimentos dentro dos dez mil postos de traballo que segundo eles crea Celulosas non son tantos", ironizou Masa.
Finalmente o presidente do colectivo ecoloxista criticou o "cambio de criterio" do Partido Popular con respecto á continuidade de ENCE na ría "algo difícil de entender salvo polos intereses dá empresa", lamentou Masa.
A marcha sairá simultáneamente ás sete e media da tarde desde as alamedas de Marín e Pontevedra, e ambos grupos atoparanse na autovía fronte á fábrica. Ao regresar haberá unha pulpada na praza do Teucro.