Os sindicatos aseguran que o cárcere da Lama non está para celebracións na Mercé
Por Oskar Viéitez
As organizacións sindicais con representación no centro penal da Lama ( Acaip, CCOO, ATP, CIG), decidiron non participar dos actos festivos programados no centro para este venres 21 día da nosa Señora da Mercé "dada a situación de conflito colectivo e de mobilización" na que se atopan.
Para o luns 24 convocaron unha protesta nas portas do Centro penal contra a falta de resposta por parte dos xestores penais ante as súas reivindicacións laborais e económicas, "así como polo empeoramento progresivo das nosas condicións laborais".
Segundo expoñen os responsables sindicais, durante os últimos anos están a sufrir unha perda constante de persoal en todas as áreas, "levando a unha situación practicamente insustentable que está a lesionar os dereitos dos traballadores". Din que cada vez hai menos xente para traballar e os que cumpren cada día co seu traballo senten como "se lles penaliza por iso e toda a carga recae sobre as súas costas".
Entenden ademais que o futuro é "pouco alentador" tendo en conta a elevada media de idade do persoal penal do Centro (uns 50 anos de media).
Apuntan tamén outros problemas deste colectivo, como que se lles recoñeza como axentes da autoridade. Afirman que é necesario abordar unha nova estrutura dos Corpos penais, unha promoción "real" e un mellor desenvolvemento das funcións que desempeñan, onde se lles recoñeza as novas funcións que asumiron cos cambios na lexislación penal dos últimos anos.
Cren "necesario" recuperar os emolumentos perdidos cos anos de crise, un sistema retributivo que permita o recoñecemento das funcións asumidas nos Centros e garantir uns sistemas de saúde laboral e de defensa dos traballadores penais en aspectos tan básicos como son as agresións que sofren por parte da poboación recluída.
Finalmente sinalan como "imprescindible" iniciar a retirada da seguridade privada da vixilancia exterior do Centro Penal e volver dotala con Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Relacionadas:
-
Os sindicatos protestan ante o cárcere da Lama
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno comprométese a dar resposta ás reivindicacións dos funcionarios da Lama
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Máis persoal, principal petición dos sindicatos da prisión da Lama á subdelegada do Goberno
Por Redacción |
-
Denuncian agresións "a diario" a funcionarios do cárcere da Lama
Por Redacción |
-
Un cento de funcionarios concéntrase ás portas da prisión: 'Ministro, a palos no. Todos somos Dani'
Por Natalia Puga |
-
Varios funcionarios feridos nun altercado con catro presos conflitivos na Lama
Por Natalia Puga |
-
Funcionarios de prisións cortan os accesos ao cárcere da Lama
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |