A Deputación destina 120.000 euros a financiar actividades de dinamización da lingua galega
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de conceder 75 axudas para a realización de actividades de dinamización da lingua galega por parte de entidades sen ánimo de lucro da provincia.
A institución provincial resolveu a concesión das axudas, dotadas cunha partida orzamentaria de 120.000 euros, que apoian iniciativas levadas a cabo por entidades sen ánimo de lucro.
Estas axudas do departamento de Cultura e Lingua da Deputación teñen o obxecto de impulsar e fomentar o uso do idioma en todos os ámbitos sociais da provincia, mediante o apoio ás actividades que neste eido realizan as entidades sen ánimo de lucro.
Para acadar estes fins, as bases contemplaban o financiamento de actividades de fomento da creación e da difusión cultural en lingua galega, que incluía certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, e feiras e eventos que promocionen a creación en lingua galega; o sociolingüística e toponimia, referido a estudos e publicacións sobre sociolingüística, e xornadas e publicación de recuperación da toponimia.
Ademais, inclúense actividades de fomento do emprego do galego no comercio e na industria, encamiñado a promover xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega; e recoñecementos e distincións, no que se daba cabida a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas ou que recoñecesen o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.