O sindicato UFP reparte un kit de primeiros auxilios entre os policías ante a política de "oídos xordos" da administración
Por Redacción
O sindicato Unión Federal de Policía (UFP) de Pontevedra repartirá entre todos os seus afiliados uns kits individuais de primeiros auxilios para que os axentes que prestan servizo na cidade teñan medios básicos para axudar a persoas en situación de risco vital.
A central sindical lembra que leva anos solicitando sen éxito á administración que se dote ás patrullas duns medios básicos en primeiros auxilios, xa que en moitos casos os policías son os primeiros en chegar ao lugar e nesas situacións os minutos e segundos son vitais, e que mesmo deron formación aos policías con axuda de especialistas sanitarios.
"Non entendemos como a administración unha e outra vez fai oídos xordos á nosa petición duns medios básicos de primeiros auxilios, medios que teñen un custo ínfimo", critican.
Dado que "lamentablemente non recibimos ningunha resposta", decidiron pasar á acción e repartir entre os afiliados na provincia un kit que contén un porta chaves con máscara facial unidireccional de rescate con válvula de boca para primeiros auxilios, unha ferramenta coa que o axente pode realizar os primeiros auxilios sen risco para a súa saúde de contraer posibles enfermidades de transmisión por contacto coa boca.
Segundo explican, trátase dun kit cuxas unidades non chegan ao euro, de modo que aínda ven "máis sanguento" a falta de implicación por parte da administración para dotar de medios tan simples a todas as patrullas de laPolicía Nacional.