Bronca no Parlamento galego pola situación de Ence
Por Oskar Viéitez
O pleno do Parlamento de Galicia acolleu outro debate sobre a situación de Ence nos terrenos de Lourizán, que levou aos deputados a protagonizar unha nova bronca.
Así, o deputado do grupo popular, Jacobo Moreira, criticou que, "nun momento no que todos estamos moi preocupados porque están en perigo 400 postos de traballo en Alcoa, o BNG trae ao Parlamento unha proposición non de lei para pechar unha empresa como Ence, deixando sen traballo a máis de 400 persoas e investimentos por un mínimo de 61 millóns de euros".
O PP tamén criticou ao Partido Socialista porque segundo Moreira "mudaron e agora, a pesar de que as Mareas de Podemos lle esixen que cumpran o compromiso que asumiron con eles de pechar Ence, din que é un asunto que está subiúdice" e engadiu que "non deixa de ser curioso contemplar o espectáculo de ver como son capaces de prometer e logo de traizoar aos seus socios".
Pola súa banda, a portavoz de Medio Ambiente do grupo socialista, Patricia Vilán, reclamoulle ao goberno galego a participar nunha mesa de diálogo co goberno central, o Concello de Pontevedra, Ence e os colectivos interesados para abordar o traslado da factoría fora da ría de Pontevedra.
Vilán censurou o cambio de postura de Feijóo, "que pasou de apoiar un traslado" a "calar" cando o goberno de Rajoy prorrogou a concesión. Esta decisión foi recorrida ante a Audiencia Nacional e, segundo Patricia Vilán, "hai que agardar a que se resolvan os procesos xudiciais" porque "pedirlle a calquera goberno que anule a prórroga é pedirlle que prevarique".
Por iso, explicou, os socialistas galegos se abstiveron na proposta do BNG para pedirlle ao goberno que revise a prórroga.
O deputado do BNG, Luís Bará reclamou, a través dunha proposición non de lei, recuperar o espazo público ocupado por Ence na ría e pediu paralizar a modificación do proxecto sectorial para consolidar a fábrica coa construción dunha planta de biomasa.
O parlamentario nacionalista acusou ao PP de"conivencia" coa pasteira e cualificou a Núñez Feijóo de "profeta da posverdade" e aos populares de "traidores", debido a que no seu día defenderon a saída de Ence da ría de Pontevedra e, mesmo, chegaron a votar a favor dunha iniciativa parlamentaria que contou coa unanimidade de todos os grupos
Sobre a mesa creada polo PSOE de Pontevedra, Bará afirmou que é "unha cortina de fume para gañar tempo" e sinalou que Ence "non están na axenda política do Estado" porque a axenda galega en Madrid non existe no pacto asinado polo PSOE e Podemos.
No debate tamén participou o deputado de En Marea Marcos Cal, tamén dirixente local, que acusou o Goberno de "M. Rajoy, expulsado do seu cargo pola corrupción sistémica" do seu partido de "regalar 60 anos máis a custo cero, sen contraprestación" os terreos á empresa.
Ademais, advertiu de que á empresa "non lle tremeu o pulso para despedir a decenas de traballadores" tras conseguir a prórroga, mentres que o PP "que usa a arma dos traballadores, non dixo nin pío" cando ocorreu.