
© PontevedraViva
O compromiso do Grove coa compostaxe "non ten marcha atrás"

Por Oskar Viéitez

© PontevedraViva
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, asinou este mércores un convenio de colaboración co Concello do Grove e a asociación Amigos da Terra para a distribución de composteiros individuais no municipio meco. O convenio está dotado con 57.000 euros.
O alcalde, José Antonio Cacabelos, explicou que ao amparo do Plan Revitaliza no Grove, cunha poboación de once mil persoas censadas, repartíronse 700 composteiros individuais a veciños propietarios de casas unifamiliares con leira. Ademais contan con ampliar de tres a sete o número de composteiros comunitarios.
"De aquí a dez anos o obxectivo fundamental é que todo o que se xera no Grove sexa tratado aquí, sobre todo a nivel de compostaxe, e que do Grove non salga absolutamente nada", dixo o rexedor.
Para Cacabelos este é un "compromiso coa nosa contorna" que "non ten marcha atrás" neste municipio de 22 quilómetros cadrados que ten o 80% do seu territorio con algún tipo de medida de protección ambiental.
O Concello do Grove é un dos máis adiantados da provincia en materia de compostaxe de residuos e grazas á adhesión ao Plan Revitaliza poderá cumprir coa inminente nova lexislación en materia de lixo municipal, que obrigará a recoller e compostar de maneira separada o 100 % dos biorresiduos.
Tras a entrega a cada veciño dun composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe, un representante da ONG Amigos da Terra encargarase do asesoramento e seguimento directo, realizando unha media de tres visitas domiciliarias para comprobar que o proceso se fai correctamente medindo todos os parámetros, e resolvendo as posibles dúbidas. Tamén estará a disposición da cidadanía o persoal técnico da Deputación.
Desde Amigos da Terra expresaron a súa "satisfacción" por seguir tecendo redes entre a administración e a sociedade civil ao amparo do Plan Revitaliza "este é un traballo colectivo", destacaron. "Xa se acabaron os proxectos piloto, é o momento de poñer en marcha algo que sabemos que funciona", afirmaron.
O vicepresidente da Deputación coincidiu nesta apreciación valorando que "agora xa se ten o coñecemento suficiente como para que a iniciativa sexa exitosa" e expresou a súa confianza porque se estenda esta "cultura" da compostaxe.
Aínda que a colaboración do persoal técnico provincial está garantida durante a posta en marcha do Plan Revitaliza, o Concello do Grove dotarase de persoal propio para dar continuidade aos traballos aproveitando a convocatoria de subvencións da Deputación destinada a financiar o custo salarial das persoas necesarias para o seguimento e execución do novo sistema de tratamento de residuos orgánicos durante o período 2018-2020.
Relacionadas:
-
O Grove instalará unha planta municipal de compostaxe xunto o Punto Limpo
Por Redacción |
-
Mosquera agarda que 50 concellos estén integrados no plan de compostaxe antes do final do mandato
Por Redacción |
-
A Deputación elabora unha ordenanza pioneira sobre compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
Campo Lameiro prepárase para utilizar o primeiro composteiro comunitario
Por Redacción |
-
A Deputación estrea a web do Plan Revitaliza para achegar a compostaxe á cidadanía
Por Redacción |
-
O alumnado do Carlos Oroza profunda na súa formación sobre a compostaxe
Por Redacción |