Nova fachada de aluminio para o centro de día de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
As obras de mellora do centro de día de Sanxenxo están a piques de terminar. Os traballos están valorados en 61.710 euros. Do total do orzamento, aproximadamente 30.000 euros, serán asumidos con fondos propios municipais. O importe restante será asumido pola Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, a través dunha subvención concedida.
A reforma comezou o pasado 3 de outubro. En canto á fachada, cambiouse o cerramento de plaqueta de lousa por unha fachada ventilada con paneis de aluminio. Isto faise para lograr un maior illamento ao frío e á calor e para liquidar o problema de filtracións de auga.
A nova marquesiña mellorará as entradas e saídas ao centro dos usuarios, resgardándoos do frío, do sol e da choiva. Esta estrutura ten unha dimensión de 34 metros cadrados.
Por último, a pérgola na terraza interior, de 35 metros cadrados, permitirá utilizar un espazo que na actualidade está en desuso, para saír ao exterior do edificio, quedando resgardados do sol e da choiva.