Nace a Escola de Doentes, un punto de encontro para enfermos crónicos e os seus familiares
Por Alejandro Espiño
Fomentar un espazo de achegamento para enfermos crónicos, familiares e profesionais sanitarios. ÿ o obxectivo co que nace a Escola de Doentes de Pontevedra, un proxecto da Concellería de Benestar Social e incluído dentro do programa Hedra, que ten por obxectivo consolidar o tecido social do Concello de Pontevedra impulsando e favorecendo o movemento asociativo que atinxe ao eido do benestar social.
A petición do Colectivo de Afectados de Fibromialxia (CAF), a Escola de Doentes pretende que os enfermos, os seu entorno familiar e social e os profesionais que se dedican a este tipo de doenzas, "poidan intercambiar puntos de vista, escoitar e responder ás diversas necesidades de información, formación e coñecemento, construíndo un espazo aberto para a xeración e intercambio de experiencias e sentimentos", segundo Carmen Fouces.
"Había unha liña común entre todos os afectados por enfermidades crónicas", explicou a concelleira de Benestar Social. "Teñen unha doenza, pero síntense desamparados e desinformados", destacou. Por iso dixo é tan importante "que se xunten, que intercambien todo tipo de experiencias". E sobre todo que estean acompañados polos seus "porque o deterioro da súa saúde, ás veces, conleva un descenso da súa calidade de vida".
Neste sentido, Pilar Pazos, presidenta do CAF, referiu o común "vacío" sentido polos enfermos de doenzas crónicas e a "soledad" sentida por cada un deles nos momentos posteriores ao diagnóstico. "Te pueden diagnosticar una enfermedad y te vas a casa sin más información", asegurou. De aí que sinalara a importancia de que estes doentes "nos conozcamos, nos ayudemos y compartamos experiencias".
Para paliar esta situación, a Casa Azul, na que tamén se reúnen outros colectivos crónicos como os afectados de lupus, alcoholismo, hiperactividade ou diabete, organiza unhas didácticas conferencias, impartidas por profesionais e coñecedores destas doenzas, cun carácter bidireccional e de diálogo continuo:
- 24 de maio: "Control do estrés", por Juan Luis González, psicólogo da Casa Azul
- 31 de maio: "Quen coida ao coidador", por Celina, representante da Asociación Acolle
- 7 de xuño: "Perspectiva da saúde e da enfermidade na sociedade", por Francisco Vázquez Vizoso, xefe de Epidemioloxía do CHOP
- 14 de xuño: "O doente e outros doentes", por Ángela Paz, doente de fibromialxia
- 21 de xuño: Parladoiro aberto no que os asistentes poderán compartir experiencias, manifestar peticións, suxestións, ou solventar as súas dúbidas.
Todas as conferencias celebraranse na Sala Valdecorvos da Casa Azul ás 20.00 horas.