Un caramelo para as nenas, dous para os nenos e unha gran lección para plantarlle cara á desigualdade
Por Natalia Puga
Un simple xesto pode converterse nun gran cambio e, canto máis novo sexa a persoa que o protagoniza, máis impacto pode chegar a ter na súa vida futura e na sociedade que lle rodea. Para mostra, os resultados das charlas impartidas pola Garda Civil no marco do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas, que xa o ano pasado na comarca do Morrazo lograron que unha nena que estaba a sufrir acoso escolar volvese sorrir e este curso, de novo, volveron a colexios de toda a provincia.
Esta semana, o axente da Garda Civil Francisco Javier Cancelas Costa impartiu unha destas actividades a un grupo de nenos de 10 e 11 anos do colexio Montemogos de Bueu. Trátase, precisamente, do mesmo garda que hai un ano foi condecorado coa Medalla ao Mérito de Protección Civil na súa categoría de bronce con distintivo azul pola súa actuación como intermediador para solucionar un problema de mobbing escolar que sufría unha menor realizando diferentes xestións cos organismos públicos implicados.
Nesta ocasión, este axente adscrito ao posto da Garda Civil de Moaña centrou a súa actividade noutra problemática que se vive nos centros educativos: a violencia de xénero e a desigualdade entre nenas e nenos. Durante a súa charla ante os alumnos de quinto e sexto de primaria do centro deulles ferramentas para que logren identificar casos de violencia machista e desigualdade e logren facerlle fronte.
Francisco Javier Cancelas trasladou aos alumnos dunha forma práctica como un pequeno xesto pode esconder o machismo máis arraigado e a maneira en que son os propios menores os que, desde a súa situación, poden plantarlle cara e promover un pequeno gran cambio. O único material que necesitou foron uns caramelos.
Segundo relatou o propio garda, empezou a súa actividade expondo aos escolares unha serie de preguntas e entregando a cada un deles caramelos. Como parte do seu exercicio formativo, entregou a cada alumno home dous caramelos e a cada alumna muller tan só un, esperando que fosen eles mesmos os que manifestasen a súa queixa por un trato tan desigual, inxusto e carente de fundamento. A cultura da desigualdade e do trato diferencial está tan enraizada na poboación desde a infancia que tivo que facer ese xesto con cinco nenas ata que a sexta plantoulle cara.
Esa sexta nena foi a que, co seu xesto de revelarse ante un trato desigual e machista, logrou producir unha pequena revolución na clase. Unha vez que ela se queixou, o resto do alumnado foi consciente do que estaba a ocorrer e uniuse á queixa, tanto nenos como nenas. O axente Cancelas lograra o seu obxectivo, facerlle ver que o machismo pode estar no día a día e trasladarlle que son eles mesmos os que poden desencadear o cambio, pero para facelo teñen que enfrontarse ao establecido.
Durante a actividade, o axente trasladou ao alumnado de quinto e sexto de primaria ferramentas para detectar as situacións de desigualdade que se atopan no día a día e que teñen nas súas mans empezar a cambiar a sociedade desde moi pequenos. "Solo si ellos dicen que no y cambian sus actitudes se pude lograr esta lucha", explicou o axente, que confía na importancia das actividades do Plan Director e doutras iniciativas formativas nesta liña, pero cre que non se logrará cambiar nada ata que a sociedade asuma unha actitude proactiva.
No transcurso da súa charla tamén explicou aos pequenos en que consiste a violencia de xénero e a importancia de que mulleres e homes detecten as situacións de desigualdade máis enraizadas e loiten contra elas. Grazas ás nocións que lles trasladou, foron capaces de detectar que nas súas propias familias tamén se dan moitos comportamentos que frean ese logro da igualdade. Unha alumna, por exemplo, compartiu co resto da clase que a súa avoa tentaba perpetuar con ela uns roles e estereotipos de xénero que relegan á muller ás tarefas domésticas e á obediencia ao home.
O Plan Director leva aos colexios de toda a provincia actividades formativas relacionadas coas temáticas máis variadas, desde esta de a violencia de xénero ao acoso escolar, as condutas aditivas ou os delitos cometidos a través das novas tecnoloxías a través de charlas impartidas pola Garda Civil e a Policía Nacional segundo o seu ámbito de competencia territorial.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- "Como pais, non só podemos, senón que temos a obriga de controlar as redes sociais dos nosos fillos"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Ante un caso de violencia de xénero ou acoso escolar, denuncia sempre
Por Redacción |
-
Educación e uniforme danse a man para loitar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Atención, adolescente, a droga crea adicción e tamén pode acabar en sanción!
Por Natalia Puga |
-
Os méritos condecorados no Día da Constitución: da loita contra o bullying á cánula de Guedel
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
"O principal perigo dos mozos coas novas tecnoloxías é que os pais lles dean barra libre no uso"
Por Natalia Puga |