![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/c29/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MgJyq/Lzc52L8gt0zCwMdI_/_wNDHSSU/NKUot0SvILlKxrAQ==_/5beefce621-hackfest2.jpg)
© Universidade de Vigo
O campus acolle un maratón para engadir contidos ao Galizionario
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Preto de 30 persoas participaron este venres na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no Emlex Wiktionary Hackfest, o primeiro maratón dirixido a incorporar novos contidos a este dicionario colaborativo centrado na súa edición en galego.
Entre os participantes se atopaban tanto editores do Galizionario, a versión galega do proxecto Wiktionary, como alumnado do mestrado europeo en lexicografía Emlex e estudantes e docentes de diferentes universidades.
A xornada consistiu na incorporación de novos contidos a un recurso que se nutre das achegas dos usuarios e que conta actualmente con máis de 53.000 entradas.
O comité organizador do evento denominado "hackatón" achegou unha serie de propostas para esta fase de edición, que incluían tanto unha lista de termos a engadir a entradas que completar, como propostas de carácter temático, como sumar vocabulario vinculado co outono, así como a posibilidade de incorporar traducións e enlaces coas versións en outros idiomas deste dicionario multilingüe.
Todo iso aproveitando que entre os participantes figuraban once estudantes do mestrado EmLex na Universidade de Santiago de Compostela e na Universidade do Minho, procedentes de países como Alemaña, Indonesia, Bosnia, Croacia, Ucraína, Armenia ou Costa de Marfil.